Nace en Lires, Cee (A Coruña), onde inicia os seus estudios musicais aos 11 anos de idade. No ano 1987 trasládase a vivir a Madrid e realiza estudios de acordeón, piano e composición no Real Conservatorio de Música desta cidade. No ano 1990 obtén, por oposición, a praza de profesor de acordeón, exercendo docencia 4 anos en distintos conservatorios de Madrid ata que se traslada para o Conservatorio de Ourense no ano 1994, ao ano seguinte para o Conservatorio de Pontevedra e desde o curso 2005 imparte clases de acordeón no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

Como intérprete realizou concertos coa orquestra sinfónica de Madrid nas óperas “Fedora” e “Wozzeck”, e en homenaxes aos compositores G. Deleure e Maurice Jarre, así como unha colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia na obra “Tangos”.

Durante cinco anos formou parte do grupo de música folk de Carlos Núñez, realizando, a partir desta colaboración unha adaptación de melodías tradicionais galegas para acordeón que oron publicadas en 2008 pola editorial Dos Acordes baixo o título de “ A man lixeira...”. Ten colaborado con grupos como Faltriqueira, Marful, Xabier Díaz e realizado gravacións para discos de Carlos Núñez, Pancho Alvarez e Oscar Ibáñez. Na actualidade forma parte da banda de Oscar Ibañéz & Tribo.

Como compositor fixo a música para varias obras de teatro da compañía “Talía Teatro” e sintonías para a emisora “Radio Nordés” de Cadena Ser. Dende o ano 2000 imparte clases na Escola Municipal de Música de Cee e dirixe a súa banda de música.

fernandofraga@oscaribanez.com