Oscar Ibáñez
Mestre en Educación Musical (Universidade de Vigo), Especialista Universitario en Música Tradicional Galega (Universidade de Santiago de Compostela), Especialista Universitario en Arquivística (UNED) e posúe o título de Grao Profesional na especialidade de gaita de fol galega (Conservatorio Profesional de Música Mayeusis). Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.
Nado en Pontevedra no 1976. En 1984, comeza a toca-la gaita con Laureano Mera no grupo Treboada (Poio – Pontevedra).
No ano 1989 entra a formar parte da Agrupación Folclórica Celme coa que percorre durante 15 anos case toda Europa participando festivais de folclore de ámbito nacional e internacional nos que contacta dende moi novo con gaiteiros asturianos, escoceses, irlandeses, bretóns, ou búlgaros.
En 1993 comeza a súa traxectoria como Mestre Gaiteiro, dende este momento desenvolve a súa actividade docente en diferentes concellos, asociacións culturais e escolas de música.
No ano 1995 funda o “Grupo de Música Tradicional Pai da Cana” co que participa na gravación de varios traballos: Ruta Folc Terra Galega (Disco-Trompo, 1998), Os Sons da Ulla (Phonos, 2001), Memorial Manuel Texo I, III, V e VI (A. C. Ullán), paidacana12 (Ed. do Cumio, 2007), Pontevedra en Música: Agrupacións da provincia (Deputación de Pontevedra, 2008), A música que facemos (Xunta de Galicia, 2008) e Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009).
Acadou máis dunha trintena de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio o que o converte nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada. Nos concursos para cuarteto de gaitas foi premiado tocando con gaiteiros de renome como José Luís Lema, Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo. Resultou gañador do: I Concurso de Novos Gaiteiros Memorial Ricardo Portela (1993), I Memorial Manuel Villanueva (1993), I, III e XI Memorial Manuel Texo (1998 e 2000 respectivamente), II e III Memorial Ricardo Portela (2001 e 2002 respectivamente), XXXIV Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas (2006) e o II e IV Concurso de Música Tradicional “Ricardo Portela” – O Gaiteiro de Viascón (2005 e 2007 respectivamente). Tamén ten participado noutros acadando sempre as mellores clasificacións como por exemplo o Trofeo MacAllan para solistas de gaita ibérica do Festival Intercéltico de Lorient (Francia), neste concurso participou nos anos 1998, 1999, 2000 como primeiro clasificado de Galicia acadando o 2º Premio na final francesa nos anos 2000 e 2001.
En 1997 comeza a colaborar coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia impartindo cursos de gaita e percusión nos Centros Galegos de: Santiago de Chile (CHILE), Lima (PERU), Caracas, Puerto Ordaz e Valencia (VENEZUELA), Curitiba (BRASIL), México (MÉXICO), Zürich e Xenebra (SUIZA), New York e Los Ángeles (EE.UU.), Londres (UK), La Habana e Santiago de Cuba (CUBA) e Buenos Aires e Mar del Plata (ARGENTINA).

En 2006 fixo a investigación documental e os textos para o libro-CD Os Montes de Lugo publicado dentro da colección A Tiracolo da editorial Ouvirmos.
Dende 2006 organiza o Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste (Poio – Pontevedra). Dentro deste evento produciu os CDs III, IV e V Concurso de Gaiteiros Manuel Villanueva e coordinou o nº 11 da revista de etnomusicoloxía galega etno-folk que recolle os artigos dos relatorios do I e II Encontro.
En 2008 crea a Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, unha iniciativa para a recuperación e difusión das formas de expresión musical gaiteiras propias e diferenciais de Pontevedra como o sistema pechado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó, ou o sistema semipechado de Ricardo Portela.
Produciu o CD Foliada nas Rías Baixas: Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre (Ed. do Cumio, 2008) no que interveñen familiares, amigos e máis de trinta artistas galegos.
En 2009 crea a dirixe a colección "Músicas Históricas de Galicia" para a editorial Dos Acordes dentro da que publicou o libro-CD e CD-ROM O Quinteto Monterrey de José Posada: nos xardíns da Tropical (Dos Acordes, 2009).
En 2009 crea o espectáculo para a difusión da música académica galega para gaita de fol MUSGAFOL, do que produciu o CD gravado ao vivo MUSGAFOL: gaita e piano (Dos Acordes, 2009).
En 2009 crea o espectáculo “JUELLES: Encuentro de Gaitas de Europa” que tivo a súa primeira edición en Cantabria do que se editará un CD gravado ao vivo.
As súas gravacións aparecen en numerosos discos como: Himnos e Marchas Procesionais de Galicia (Clave Records, 2007), I Certame de Gaita As Mariñas de Betanzos (Clave Records, 2007), De Ruada en Bos Aires (Ed. do Cumio, 2006), In Mare (Ed. do Cumio, 2003), XI Concurso Constantino Bellón: Solistas de Gaita Galega (Ateneo Ferrolán, 2002), VI Concurso Constantino Bellón: Solistas de Gaita Galega (Ateneo Ferrolán, 1997), VI Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 2004), Pontevedra en Música: Agrupacións da provincia (Deputación de Pontevedra, 2008) ou Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009).
O seu persoal estilo interpretativo, a medio camiño entre tradición e modernidade, está influenciado polas gravacións sonoras dos principais referentes históricos da gaita galega (Perfecto Feijóo, Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, etc...), e polos intérpretes e artistas internacionais más vangardistas.
Na actualidade está a gravar o primeiro traballo da súa nova proposta musical “Oscar Ibáñez & Tribo”, para a que conta con extraordinarios músicos galegos como Fernando Fraga (acordeón), Carlos Calviño, (guitarra), Manuel Cebrian (guitarra, violín) e Andrés Vilán (percusións). Con este novo proxecto, que define como música de raíz atlántica, trata de fusionar a música de América latina e a celta a través da galega nunha viaxe sonora chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade.