CD Pontevedra en Música: Agrupacións da Provincia
A Deputación de Pontevedra, sensible á urxencia da recuperación do noso patrimonio sonoro, creou en 2003, dentro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, un espazo para a recompilación, conservación e difusión das gravacións sonoras galegas éditas e inéditas en calquera soporte realizadas en Galicia e mais as realizadas fóra do noso territorio que estean relacionadas coa nosa cultura.
A través desta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende reunir toda a documentación sonora galega que sexa posible tendo en conta a música, a palabra, os sons naturais e outros que tamén nos rodean contribuíndo a que o noso contorno se conforme como unha paisaxe sonora única con identidade de seu. A documentación sonora reunida supera hoxe os 5.000 rexistros que están a disposición do cidadán para consultar, investigar e para outros usos que non teñan carácter comercial.
Co fin de fomentar e dinamizar este arquivo sonoro galego o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra creou unha nova liña editorial dedicada á difusión do noso patrimonio sonoro, que ve a luz con esta primeira publicación referida á música da nosa provincia realizada coa colaboración da editorial Edicións do Cumio.
Este CD contén unha selección das diferentes agrupacións e estilos musicais que forman parte da realidade musical actual da nosa provincia presentada nos seguintes bloques: gaiteiros solistas, grupos de gaitas, bandas de gaitas, pandeireteiras, grupos de música tradicional, grupos de música folc, masas corais, bandas de música e canción galega. Entre os artistas e grupos seleccionados figuran Iván Costa, Álvaro Novegil, Oscar Ibáñez, Os Terribles, Os Alegres, Noitarega, Manxadoira, Xarabal, Xistra de Coruxo, Ardentía, Pai da Cana, O Fiadeiro, Revenidas, Trompos ós Pés, Crema de Gaita, Liorna, Coral Casablanca, Coral Virxe da Renda, Banda Orquestra
da Mancomunidade de Vigo, Banda Artística de Merza, María Montana e Miguel Martínez.
Textos e coordinación do traballo: Oscar Ibáñez e Cándido Meixide.
Comentarios
comentarios desactivados para este artículo
Escrito por: Oscar Ibáñez el 14 julio, 13:18
Technorati tags: