Percusionista nado en Arcade (Soutomaior) en 1978. Aos 10 anos comeza os seus estudos de Linguaxe Musical e Percusión. Ten pertencido a diferentes formacións de música tradicional e folk, como as bandas da cantante e gaiteira Mercedes Peón, do gaiteiro Edelmiro Fernández ou Pepe Vaamonde Grupo.

Ten traballado, ao vivo e en estudio, cos algúns dos máis prestixiosos gaiteiros galegos (Xosé Manuel Budiño, Marcos Campos, Iván Costa, Pablo Devigo, Edelmiro Fernández, Oscar Ibáñez, Anxo Lorenzo ou Pepe Vaamonde) e estranxeiros (Patrick Molard, John McSherry, Diarmaid Moynihan, Ventzy Andonov ou Jorge Areces). Ten realizado máis de 400 concertos nos principais eventos do folk mundial, como o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), o Celtic Connections (Escocia), o Festival de Ortigueira (Galiza), o Festival Intercéltico do Porto (Portugal), o Folkfestival Dranouter (Bélxica) ou o Folkest (Italia), compartindo escenario con numerosas figuras do folk internacional (Solas, Flook, Michael McGoldrick, Sharon Shannon, Paddy Moloney, Fred Morrison, Gwendal ou Dan Ar Braz).

Como músico de estudio ten participado en máis de 30 traballos discográficos, gravando en diferentes estudios de Galiza e de Madrid para importantes produtores, arranxistas e enxeñeiros, como José Ramón Flórez, Bob Painter, Juan Giralt, Juan de Dios Martín, Arturo Vaquero ou Caco Refojo.

É un dos percusionistas máis premiados nos últimos 20 anos no noso país. Actualmente forma parte de Oscar Ibáñez & Tribo, traballa como músico freelance e é profesor de Percusión na Escola de Gaitas e Percusión da Deputación de Pontevedra.

Andrés Vilán emprega exclusivamente percusión galega de Carlos do Viso, bodhráns Metloef Drums, caixóns Joss Percusión e bombos legüeiros Bombos MD.

andresvilan@oscaribanez.com